|
 O alcalde de Cambados, Luis Aragunde, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán Abal, o delegado territorial da Xunta, José M. Cores Tourís, o presidente do consello regulador da D.O. Rías Baixas, José Ramón Meiriño, emailo vicepresidente da Deputación, José Juan Durán, entre outras autoridades, participaron este mediodía no acto inaugural da edición número 58 da Festa do Albariño, onde se cata e degusta a anada 2009 do cualificado mellor viño branco do mundo.
O grupo das autoridades realizou o tradicional percorrido polo recinto feiral do paseo da Calzada, xunto con numeroso público –máis do habitual malia o clima que invitaba á praia-, que se detiña xunto coas coloristas peñas a realizar as primeiras degustacións do gorentoso caldo. O primeiro brinde albariñense realizouse na caseta de Martin Codax, asediada polas cámaras, onde brindaron polo éxito da festa cun gorentoso Rías Baixas. Centos de persoas e as peñas máis madrugadoras percorreron os 40 stands na procura dos mellores caldos entre as máis de 50 adegas que participan nesta magna exaltación. Os albariñenses xa volven tomar as señoriais rúas cambadesas reivindicando o seu protagonismo na exaltación vinícola máis antiga e sobranceira de España.
Tanto o alcalde de Cambados, como conselleiro de Medio rural, o presidente da Deputación e mailo delegado da Xunta, coincidiron ó expresar o seu apoio decidido a esta emblemática festa que leva 58 anos promovendo e impulsando o sector vitivinícola do que viven máis de 6.000 familias en todos o Salnés. Tamén amosaron a súa satisfacción porque en dous anos duplicáronse as axudas á festa, tras a marxinación do goberno bipartito, e por poñer en marcha esta multitudinaria exaltación: “o mellor escaparate da denominación de orixe Rías Baixas, un sector que goza de boa saúde, e que hoxe exporta a súa producción a case todo o mundo”. O alcalde de Cambados agradeceu a visita que fará o domingo o presidente da Xunta, e pediu unha especial atención para este sector estratéxico que aglutina a unhas 200 adegas. O conselleiro de Medio Rural explicou que se sente na casa, porque xa coñece esta festa dende hai moitos anos. Samuel Juárez expresoulle o seu apoio á festa como promoción turística, para que siga abrindo mercados, e tamén como patrimonio cultural de Galicia. O conselleiro informou da boa nova desa nova Orde impulsada pola Xunta que impedirá o uso da palabra albariño na etiquetaxe dos viños de mesa sen denominación de orixe, e pediu ó goberno central que fixase a mesma prohibición.
|