
| Inicio | Alcaldía | Novas | Perfil do Contratante | Areas Municipais | Organización Municipal | Zona Multimedia |
| Garda Civil e médicos suxerirán ás vítimas de violencia o asesoramento do CIM |
|
|
|
| Luns, 12 Xullo 2010 20:09 |
![]() Xuntanza trimestral da Mesa Local sobre Violencia de Xénero A Mesa Local de Violencia de Xénero, convocada pola Alcaldía, celebrou a segunda xuntanza de carácter trimestral, trala súa constitución o pasado mes de marzo, co obxectivo de poñer en común os datos e experiencias que poidan servir para afrontar os problemas derivados dos malos tratos. Unha das conclusións desta xuntanza foi que tanto a Garda Civil do posto de Cambados como os servizos médidos do Centro de Saúde comprometéronse a informar ás posibles vítimas sobre as prestacións que ofrece ó Centro de Información á Muller (CIM) e ós Servizos Sociais do Concello nos casos de violencia sobre mulleres que vaian detectando. Este contacto pretende mellorar a situación, permitindo que os servizos municipais coñezan máis casos e, ó mesmo tempo, dándolle unha alternativa ás mulleres afectadas que poderían ser atendidas de inmediato e ó longo do tempo por unha avogada e/ou unha psicóloga. Entre os asistentes á reunión, ademais do alcalde, Luis Aragunde, da directora e psicóloga do CIM e da coordinadora dos Servizos Sociais municipais, estiveron o xuiz titular do xulgado número 3, de violencia de xénero; o inspector xefe da Policía Local e un axente especializado; o tenente comandante do posto, xunto cun garda especialista na materia; dous representantes do PAC cambadés; representantes de dous colexios e dous institutos do municipio, e maila xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da subdelegación do Goberno en Pontevedra. Todos os presentes na xuntanza coincidiron en que é fundamental comezar polos colexios, onde o CIM xa ofrece charlas sobre igualdade home-muller. Neste sentido vaise procurar detectar casos de malos tratos, mediante enquisas de avaliación que poidan servir para observar indicios e informar deles ós organismos pertinentes. Na mesa tamén houbo consenso respecto á existencia de boa coordinación, pois coñécense e contactan as persoas dos distintos servizos implicados na loita contra a lacra da violencia sobre as mulleres. A representante da subdelegación do Goberno confirmou que se da moita máis colaboración entre os distintos servizos, e tamén se presentan máis denuncias de afectadas nas zonas de costa que nas do interior. |