O secretario xeral para o Deporte anuncia a renovación da cuberta da piscina municipal PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 07 Xullo 2010 18:52

José Ramón Lete Lasa visitou o complexo polideportivo do Pombal

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comprometeuse hoxe ante o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, a redactar un proxecto para dotar á piscina municipal dunha nova cuberta que remate cos problemas de humidade desta instalación. Esta é a gran prioridade de Cambados no eido das instalacións deportivas, tal como lle espuxo o rexedor municipal na visita que realizaron este mediodía ó complexo polideportivo do Pombal.

O secretario xeral amosou a súa disposición moi favorable a cumprimentar esta demanda, tendo en conta que se trata dunha instalación moi deteriorada tras case 20 anos dende a súa construcción. A maltreita cuberta xa resulta irreparable, ademais de propiciar moitas fugas de calor e condensación interior que desvirtúan as condicións óptimas para o disfrute dos máis de 1.200 usuarios.

Os técnicos da secretaría xeral avalían a situación actual da piscina, estudando e presupostando a mellor solución a este problema estrutural. En principio desbótase a opción de instalar outra cuberta deslizante como a actual, que permite retirala no verán para deixar a bañeira ó aire libre. O máis probable é que se opte por unha cuberta de fixación permanente porque ofrece mellores condicións de estanqueidade.

O alcalde lembroulle ó secretario xeral que a piscina de Cambados é unha das que conta con maior actividade e maior número de usuarios en toda a provincia, pois acoden a practicar a natación máis de 1.200 persoas entre as cales hai un número elevado de particulares e escolares de municipios veciños.

Un luxo de instalacións deportivas

Cambados apostou forte polas instalacións do complexo deportivo do Pombal. Nos últimos anos investíronse arredor de 3 millóns de euros para a renovación total do pavillón cuberto, nos dous campos de fútbol de herba artificial; dotación e ampliación do ximnasio; dotación, peche e alumeado do estadio de atletismo; pavillón de piragüismo e vela; vestiarios, etc. Este luxo de instalacións converten O Pombal nun dos complexos deportivos máis completos da provincia, onde se poden practicar once deportes, xunto coas especialidades ximnásticas e mailos baños e masaxes no spa.
 
concellos