O Concello solicita unha subvención para a área recreativa de Vilariño PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 10 Marzo 2010 20:04



Acondicionar a parcela de 6.500 metros custará preto de 200.000 euros

O Concello vén de solicitar unha subvención á Axencia de Desenvolvemento Rural (AGADER) para acondicionar a área recreativa de Vilariño, nos terreos mercados en Quintáns cunha superficie de 6.500 metros cadrados. Esta ampla praza con parque infantil, estará situada nun  lugar moi céntrico da parroquia, preto da igrexa, do colexio público e do centro sociocultural.

Para facerse con estes terreos, o Concello acadou acordos con nove propietarios doutras tantas parcelas que amosaron unha disposición favorable ás negociacións, tendo en conta a necesidade perentoria destes terreos para dedicalos ó servizo da parroquia. O proxecto de acondicionamento inclúe un presuposto que se achega ós 200.000 euros.

Esta área recreativa contará con espazos verdes onde se plantarán árbores de especies autóctonas e zonas axardinadas con mesas e bancos de madeira.

O parque infantil estará dotado de modernos xogos para os rapaces con sistemas anti impacto que permiten o divertimento infantil sen perigos. Noutro espazo instalaráse a pista polideportiva onde poderáse practicar o fútbol sala, baloncesto, balonmán e patinaxe, sobrando ainda un amplo espazo onde se poderían realizar verbenas, actuacións e espectáculos.

Nun dos extremos do solar, procederáse a restauración e posta en valor dun antigo muiño, ademais da recuperación dun regato que aporta auga corrente ó mesmo.

Esta área recreativa será o gran espazo de ocio que viñan demandando os vilariñenses para o seu esparcemento. O solar está situado nun lugar moi céntrico para a parroquia, no lugar de Quintáns, entre a estrada local que conduce a Barrantes e a estrada provincial PO-300. Tamén se atopa moi preto da igrexa parroquial e do núcleo máis poboado de Vilariño.

Este gran espazo de ocio mercouse cos fondos obtidos da venda dunha parte do solar de A Merced. O goberno local comprometeuse a dedicar unha boa parte deste remanente económico a adquirir terreos nas parroquias para uso e disfrute dos veciños.
 
concellos