
| Inicio | Alcaldía | Novas | Perfil do Contratante | Areas Municipais | Organización Municipal | Zona Multimedia |
| A Área lúdica e comercial suporá un investimento de 30 millóns de euros |
|
|
|
| Xoves, 18 Febreiro 2010 20:08 |
![]() Incluirá a nova praza de abastos e parking soterrado para 400 coches O alcalde, Luis Aragunde, entrevistouse esta mañá co presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, e co delegado territorial da Xunta, José M. Cores Tourís, para facer un seguemento dos proxectos pendentes da administración portuaria autonómica co Concello de Cambados. Trala xuntanza, Álvarez Campana anunciou que está moi avanzado o prego de condicións para sacar a concurso o proxecto da Área lúdica e comercial con Porto Deportivo, que suporá un investimento duns 30 millóns de euros para a empresa adxudicataria, a cal deberá construir a nova praza de abastos, o parking soterrado para uns 400 vehículos e mailas instalacións complementarias do complexo náutico. O proxecto inicial mellorouse nalgúns aspectos ata convertelo nunha actuación integral de rexeneración da fachada marítima de Cambados centro e San Tomé. A adxudicación desta importante infraestrutura realizaráse no transcurso do presente ano e os traballos deberían comezar a principios de 2011. O presidente de Portos tamén anunciou que o vindeiro mes de maio estará rematado o proxecto das comportas a instalar no Saco de Fefiñáns, espazo que se vai dotar dun paseo de deportes náuticos, para o cal o Concello xa acadou 100.000 euros procedentes de fondos europeos. Na redacción deste documento traballouse a fondo nos aspectos medioambientais e biolóxicos e as comportas vanse colocar este ano ó longo da estrada de enlace co porto de Tragove. Con elas controlaráse a lámina de auga das mareas e favoreceráse unha meirande rendibilidade no cultivo de marisco, actuación consensuada coa Confraría San Antonio. Alcalde, presidente de Portos e delegado territorial remataron este encontro visitando o parque infantil a carón da oficina de turismo, que vai ser dotado en marzo de novo chan de caucho sustituindo a area actual. Álvarez Campana tamén anunciou a próxima instalación dun alador na nave das redeiras do porto de Tragove, unha dotación que lle tiña prometida a estas profesionais dende a sua última visita. |