A reunión cos hostaleiros inicia a redacción do plan estratéxico que potenciará o turismo PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 17 Febreiro 2010 13:31

Tea Cegos explícalle a empresarios e entidades o inminente ente mixto que potenciará a imaxe de Cambados como destino turístico

O alcalde, Luis Aragunde, xunto cos técnicos da consultora Tea Cegos SA, que está elaborando o Plan Estratéxico do Turismo en Cambados, manterán ás 18,30 desta tarde, no salón de plenos, unha xuntanza cos hostaleiros e restauradores cambadeses, dando inicio ás reunións sectoriais que permitirán concretar as estratexias para impulsar o turismo neste municipio. Bodegueiros e comerciantes participarán noutras dúas xuntanzas a celebrar mañá, ás 10 horas e 9 da noite, respectivamente, no mesmo escenario. Nestas reunións sectoriais vaise plantear a implicación de todos no proxecto de constitución dun ente mixto que potenciará a imaxe de Cambados como destino turístico.

O técnico de turismo David Mora, da consultora Tea Cegos, tamén manterá encontros o venres 19 con representantes da confraría San Antonio, do patronato de turismo Rías Baixas, do consello regulador, da Mancomunidade do Salnés, entre outras entidades, coa mesma finalidade. As opinións ou valoracións dos axentes sociais atinxidos son moi relevantes cara a elaboración do plan estratéxico e a creación dunha entidade de xestión e promoción turística.

Estes encontros sectoriais, con entrevistas a propietarios de establecementos e dirixentes de entidades, buscan detectar fortezas e debilidades, así como as posibles eivas do sector do turismo no municipio. Nas xuntanzas tamén se explicará en que consiste o estudo de diagnóstico da situación do sector en Cambados, un documento que será a base de partida para deseñar obxetivos e estratexias de futuro. O obxectivo final consiste en optimizar a situación, creando unha marca turística propia, e poñendo en marcha a fórmula xurídica axeitada do ente mixto (podería ser un consorcio, unha fundación ou unha sociedade limitada, entre outras).

A elaboración do plan extratéxico e dun plan de negocio do futuro “ente mixto de xestión e promoción turística”, que será o primeiro do Salnés, custará 40.600 euros, dos cales o Concello aportará 22.500 euros (45 por cento), a Secretaria de Estado de Turismo outros 22.500 euros (45 por cento) e Cambados Zona Centro 5.000 euros (un 10 por cento). O principal obxectivo da creación do ente mixto será o de impulsar o sector e potenciar a imaxe de Cambados como destino turístico.

Como obxectivo xeral desta iniciativa plantéxanse as premisas que deben orientar a promoción do turismo en Cambados procurando involucrar a outras entidades do sector privado, como poden ser as empresas de servizos, as bodegas ou os sectores primarios. Isto permitirá afianzar a Cambados como referente turístico galego e español, e ó mesmo tempo crear novos postos de traballo.

Este plan estratéxico definirá asemade os aspectos que terán máis peso no futuro ente mixto de xestión, como serían os do turismo cultural e patrimonial, o enograstronómico, o náutico e o de natureza. Un dos obxectivos esenciais desta iniciativa consistirá en lograr que se alonguen as estadías dos milleiros de excursionistas que cada ano visitan a vila.

 
concellos