A Oficina de Turismo atendeu a máis de 55.000 visitantes ó longo de 2009 PDF Imprimir Correo-e
Martes, 02 Febreiro 2010 12:57

Cambados mantense como referente turístico do Salnés
 
A oficina de turismo do Concello atendeu máis de 55.000 consultas de visitantes durante o periodo anual 2009. Esta cifra resulta lixeiramente inferior á de 2008 -cando se atendera a máis de 57.000-, un dato normal se temos en conta o contexto xeral de crise que tamén afecta ó sector do turismo a nivel nacional.
     
Agosto volveu ser o mes de maior demanda, cando máis de 19.000 forasteiros achegáronse polas dependencias municipais para solicitar información igualando os datos do ano anterior. Pola contra, xullo resultou un mes frouxo, con só 6.000 rexistros, debido á crise e ó mal tempo climatolóxico.

Os datos dos servizos turísticos indican que a meirande concentración de visitantes centrouse na primeira semana de agosto, coincidindo coas datas principais da Festa do Albariño. Cambados mantense como referente turístico da comarca.

Na Semana Santa acadaronse cifras satisfactorias, con 2.275 visitas rexistradas, máis do 50 por cento de toda a afluencia turística de abril. Este mes e o de maio situáronse prácticamente  en pe de igualdade con arredor de 5.000 consultas.

O maior número de visitantes, con predominio do turismo nacional, débese a cantidade de circuitos turísticos programados para a comarca e as Rías Baixas, onde Cambados xoga un papel preferente, sobresaíndo polas súas rutas monumentais, polas adegas, museos e sendeirismo.

Ademais das persoas que se achegan demandando información sobre o municipio e a comarca, foron numerosas as visitas guiadas que se realizaron polas tres vilas antigas, de Fefiñáns, Cambados e San Tomé. Numerosas asociacións, grupos sociais e colexios, tanto de Galicia como doutros puntos de España, seguen a interesarse polas diferentes rutas ofertadas polos servizos turísticos.  

Cómpre salientar que a oficina deste Concello é a que cada ano rexistra un número máis elevado de turistas en toda a comarca, entre outras razóns porque permanece aberta todo o ano, non só no verán, algo que sorprende e agradecen os nosos visitantes.

Madrileños e casteláns, os máis fieis
Residentes na comunidade autónoma de Madrid seguen a ser os que máis nos visitan de toda a Península, con un 18,3 por cento, seguidos dos castelán-leoneses (13,6 %), andaluces (10,6%), cataláns (9,4%), valencianos (9%) e vascos (7,4%).

En canto á procedencia de extranxeiros foron os nosos veciños franceses e portugueses os que máis nos visitaron en 2009, cun número total de 645 e 536, respectivamente. Por detrás sitúanse os británicos, alemáns, arxentinos e estadounidenses.

A maioría dos visitantes que se achegan ó noso municipio elixen o hotel para aloxarse, seguido das casas de turismo rural e en menor medida hotais e pensións. En temporada baixa, nas escapadas de fin de semana e pontes, apreciase unha aposta pola calidade do establecemento, inclinándose a maioría dos turistas pola estadía no Parador Nacional ou nas casas de turismo rural.

 
concellos