O Concello actuou coma máxima celeridade para recuperar a normalidade escolar na Pastora PDF Imprimir Correo-e
Martes, 19 Xaneiro 2010 17:09


 A nova cuberta quedou definitivamente instalada esta mañá

 Ante a situación creada pola caida da cuberta e outros danos causados polo temporal no colexio infantil da Pastora, o Concello quere realizar as seguintes puntualizacións e matizacións.

1ª.- Tanto o alcalde como os técnicos municipais foron os primeiros en acudir ó centro escolar para interesarse pola situación, a primeira hora do venres 15.

2ª.- Inmediatamente, os operarios do Concello comezaron a realizar labores de retirada de planchas metálicas e outros materiais da cuberta derrubada, que caeron sobre o recinto escolar e arredores.

3ª.- De seguido, contactouse coa delegación territorial da Xunta e acordouse actuar de xeito consensuado con celeridade para solventar o problema no menor tempo posible.

4ª.- Para que esto fose así, chamouse a unha empresa que estaba a traballar para o Concello, para que inmediatamente deixara a outra tarefa e se centrase no problema do colexio. Pediuselle que cubrira o teito traballando na fin de semana, pero a empresa alegou que o material da cuberta tiñan que fabricalo á medida e tardarían un mínimo de 2 días en servirllo. Non obstante, comprometeuse a cubrir a placa para que, en caso de choiva, entrase a menor cantidade de auga posible.

5ª.- O tellado provisional non resistiu a enorme forza do vento e as fortes choivas provocaron a inundación do colexio na noite do venres ó sábado.

6ª.-. O sábado 16, en canto o Concello tivo coñecemento dos feitos, o alcalde, xunto co primeiro tenente de alcalde e técnicos municipais, acudiron de novo e convocaron a 10 operarios municipais pra facer labores de limpeza, retirada de material, extracción de auga acumulada e secado das aulas afectadas.

7ª.- Utilizáronse máquinas aspiradoras de auga e contactouse cunha empresa privada de limpeza, para que o sábado á tarde e o domingo estivese a disposición do Concello para manter durante a fin de semana o control da situación.

8ª.- O luns pola mañá foi o Concello, de novo, quen primeiro chegou ó centro escolar con dous deshumificadores e un canón de calor eléctrico para secar as instalacións. Máis tarde, o secretario da Anpa tamén levou dous canóns de calor a gasóleo, pero recomendouse que non se utilizaran polas consecuencias negativas do cheiro do gasóleo nas paredes e teitos do edificio.

9ª.- O luns pola tarde, unha vez chegadas as planchas de panel sandwinch, feitas á medida, a empresa iniciou a súa colocación traballando incluso ata altas horas da noite, de tal maneira que esta mañá quedou completamente cuberto o colexio.

10ª.- Foi imposible instalar a cuberta en menor tempo do empregado, porque ningunha empresa, e foron consultadas moitas, servía as planchas de sandwich á medida en menor prazo de tempo.

 Polo tanto, o Concello considera que en todo este proceso de 5 días, o único discutible sería se a empresa cubriu ben ou mal o teito do edificio o venres pola noite.

O que ninguén debería dubidar é que o Concello dou a cara e traballou en todo momento. Todos os días, tanto o alcalde como o tenente de alcalde, así como os ténicos municipais, fixeron un seguemento dos traballos realizados. Os operarios municipais volcáronse, traballando horas extra e axudando a solventar o problema, igual que algúns pais e o profesorado do centro que tamén colaboraron intensamente.

Dende o Concello fumos os primeiros en asumir unha responsabilidade que, ainda non sendo competencia propia, sentimos como obriga moral e reaccionamos áxilmente poñendo todos os medios dispoñibles ó servizo desta causa. Consideramos que as inclemencias climatolóxicas desta natureza son moi difíciles de combatir, pero tamén cremos que debemos afrontalas unidos, axudando e colaborando, sen facer política dun suceso provocado por causa de forza maior como foi o imprevisto temporal.

Un suceso desta índole é un momento para aunar esforzos na procura de restablecer a normalidade escolar o antes posible, pero non sen antes asegurar ó 100 por cento que os traballos están rematados e que o centro é totalmente seguro para os escolares.

Entendemos que esta situación é unha incomodidade, tanto para os pais/nais como para o profesorado, pero tamén cremos que eles comprenderán o esforzo que en todo momento se fixo dende o Concello para solucionar o problema.   
 
concellos