Cambados conta cunha rede de museos integrada polo Museo Etnográfico e do Viño, a Casa Museo do poeta cambadés Ramón Cabanillas, o Muíño de Mareas da Seca, e a Casa Museo do Pescador.

 

MUSEO ETNOGRÁFICO E DO VIÑO

Situado nun dos puntos máis emblemáticos de Cambados, xunto ás Ruínas de Santa Mariña Dozo, atopamos o Museo Etnográfico e do Viño, que é o primeiro museo do viño de Galicia e un dos primeiros de España.

Está composto por dous edificios: unha antiga casa reitoral e un edificio de nova construción unidos por unha pasarela acristalada.

O viño albariño é esencial no municipio de Cambados, e así nolo van amosando nas distintas salas do museo.

O discurso expositivo invítanos a un percorrido pola historia, a arte, a cultura popular, así como todos os aspectos vitivinícolas da Denominación de Orixe Rías Baixas.

No xardín podemos atopar o conxunto escultórico "Loureiro" de Manolo Paz formado por unhas enormes copas de viño de granito, xunto con un Lagar. Ademais o museo conta cunha tenda, servizos de información e visitas guiadas concertadas.

Horario do museo:

de martes a venres de 10:00 a 14:00 // sábados de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 // domingos de 10:00 a 14:00

Prezos:

-Entrada única: 1€

-Menores de 11 anos: gratis

 

 

CASA MUSEO RAMÓN CABANILLAS

Ramón Cabanillas naceu no ano 1876 nunha pequena edificación mariñeira situada no barrio de Fefiñáns, que foi rehabilitada e  transformada en casa museo e aberta ao público o 28 de xullo de 1998.

Un vídeo explicativo móstranos un resumo da vida e obra do autor, onde se aprecia a importancia do poeta na súa época.

Así, ambientes, influencias, obxectos e un amplo abanico de pequenos detalles, recollen a figura do poeta galego máis relevante das "Irmandades da Fala", organización galeguista que desenvolveu a súa actividade entre 1916 e 1931.

Visitas: mediante cita pevia, pedir cita no email cultura@cambados.es

 

 

Cabanillas e as Reais Academias

No ano 1920 Ramón Cabanillas Enríquez ingresa na Real Academia Galega xunto con Antonio Rei Soto.

O seu discurso "A Saudade nos Poetas Galegos" foi elexido o 31 de agosto en Mondariz e foi contestado polo secretario da Academia D. Eladio Rodríguez González.

Nove anos máis tarde instálase en Madrid, e Cabanillas é nomeado membro da Real Academia Española da Lingua xunto con Armando Cotarelo. O 26 de maio le o seu discurso de entrada "Un Somero Recordo da Vida e Obra de Eduardo Pondal", contestado polo Marqués de Figueroa D. Juan Armada e Losada.

Obra

Ramón Cabanillas escribiu sobre todo poesía, con todo, a gran riqueza cualitativa e cuantitativa que o avala fixo del un artista sen limitacións.

As diferentes temáticas (relixiosa, amorosa, social) e os diferentes estilos (poesía, dramática e lírica, e prosa)  quedan patentes na súa maxistral obra que empeza na Habana en 1913 con No Desterro e continuará ata o fin dos seus días con xoias como: Vento Mareiro (1915), Da Terra Asoballada (1917), O Bendito San Amaro (1926), Na Noite Estrelecida (1926), A Rosa de Cen Follas (1927), Camiños no Tempo (1949), Da Miña Zanfona (1954), Versos de Alleas Terras e Tempos Idos (1955) e Samos (1958).

 

MUSEO DO MUÍÑO DE MAREAS DA SECA

O Museo do Muíño de Mareas da Seca está situado na parroquia cambadesa de San Mamede de Corvillón, entre  Tragove e Fefiñáns.

Foi mandado construír por orde de D. Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns, que encargou a obra ao mestre de cantería e artilleiro coruñés Francisco Grie.

O muíño instalouse sobre unha enseada cunha presa duns 50 metros de longo e constaba dos seguintes elementos: unha presa con 5 comportas, o propio muíño, a vivenda, as cortes e o alpendre.

Na planta baixa do edificio do muíño atópase a maquinaria que posibilitaba a moenda. A primeira planta comprendía os elementos de moenda: tres moas do país de gran groso para moer millo, e unha "albeira" de gran fino para o trigo e o centeo, e as pezas auxiliares.

A segunda planta e o faiado estaban destinados a vivenda coas súas habitacións, hoxe acondicionadas para acoller o discurso museístico.

Visitas: mediante cita pevia, pedir cita no email cultura@cambados.es

O fluxo e refluxo das mareas era aproveitado para facer funcionar as catro moas coas que contaba. A zona interior quedaba en seco coa baixamar,  por iso denomínase  A Seca, volvéndose a encher coa preamar. Para moer aproveitaban a baixamar, que dura unhas tres horas, chegando  a moer ata 200 quilogramos por moa en dúas quendas, de día e de noite.


O muíño pertenceu ata o s. XIX aos vizcondes de Fefiñáns e a el  viñan moer cereais campesiños non só de Cambados senón tamén da comarca do Salnés. Posteriormente cambiou de dono deixando de funcionar a mediados dos anos 70, cando o último muiñeiro, Manuel Piñeiro, casado coa filla do propietario, cesaba na súa actividade.

Este antigo Muíño de Mareas da Seca foi recuperado e restaurado para ser convertido en enclave museístico, formando parte desde o ano 2002 da Rede de Museos do concello de Cambados.