Esta semana María Xosé Cacabelos,  concelleira de Medio Ambiente do Concello de Cambados, ven de presentar un proxecto dentro do  Plan de Compostaxe Comunitaria proposto pola Deputación de Pontevedra. Con dito proxecto agárdase que o concello de Cambados siga na liña de iniciar un cambio no modelo de xestión de residuos urbanos, cambio que comezou coa primeira entrega dos composteiros domiciliarios o pasado mes de decembro. Deste xeito agardamos que o noso concello pase a realizar unha xestión de residuos menos prexudicial para o medio ambiente e que a medio prazo supoña un aforro considerable do custo da recollida e tratamento de lixo na nosa vila.

A ubicación elixida para levar a cabo este proxecto será nas vivendas do Pombal máis próximas ás pistas de tenis. Así, nun  radio máximo de 200 metros están empadroadas 153 persoas, das cales participarán 110 voluntariamente (71%), no proxecto.

Así mesmo, coas campañas de educación ambiental iniciadas por esta concellería nos colexios de Cambados, xunto coa implantación das primeiras unidade de compostaxe modulares no Pombal, pretende demostrarse que este modelo de tratamento de residuos orgánicos non crea ningún problema de cheiros nin de lixo na contorna, para vencer así os principais estereotipos sociais sobre este asunto.

Tamén se informa de que todos aqueles veciños e veciñas de Cambados que pretendan involucrarse no proxecto da compostaxe, coa adquisición de composteiros individuais facilitados polo concello, de que esta concellería ten a disposición no rexistro municipal, un modelo de solicitudes que son arquivadas por orde de entrega para, proximamente facilitar novos composteiros.