O Albariño. Historia dunha festa

Nos inicios da Festa do Albariño ninguén podía imaxinar a importancia e repercusión que esta ía ter para o desenvolvemento do municipio e para o impulso do puxante sector do viño. Cambados foi crecendo con esta celebración  e os cambadeses séntense identificados con ela. Débenlle moito ao viño e a este evento, por iso Cambados é coñecido actualmente, a nivel nacional e internacional, como a Vila do Albariño.

A historia da Festa do Albariño comeza nos anos 50, cando nunha reunión de amigos, entre os que se atopaban Bernardino Quintanilla, Ernesto Zárate, Manuel Silva, José Rodiño e Francisco Fernández Aguiño, o primeiro posuidor dunha pequena viña en Tragove, retou ao terratenente Zárate, propietario dunha gran plantación en Padrenda, a comprobar cal era o mellor albariño. Acordaron convocar un concurso no que cada colleiteiro presentase o seu viño para acreditar quen tiña o mellor.

A primeira cea-concurso celebrouse con carácter privado, no ano 1953, na horta de Anxo Botana Gómez. Presentáronse nove adegueiros, e medio centenar de albariñenses constituíron con solemnidade o xurado da primeira Cata Prima, que seleccionaba os caldos que merecían clasificarse para superar o rigor do xurado da Cata Postremeira, de onde saíu premiado unicamente José Rodiño Oubiña quen, cun magnífico Albariño do predio de Carballás, sorprendeu aos seus competidores. Ao ano seguinte obtivo a vitoria Zárate, do mesmo xeito que nas dúas convocatorias seguintes, sempre con Quintanilla de segundo.

Durante os primeiros anos, a festa celebrouse na horta da casa de Anxo Botana, fillo político de D. Ramón Cabanillas. A festa acollía cada vez a máis adeptos e a horta dos Botana quedou pequena polo que se decidíu trasladar a celebración primeiro aos xardíns do pazo de Ulloa e posteriormente ao pazo de Bazán, hoxe Parador Nacional do Albariño, para asentarse definitivamente desde o 2005 nos xardíns do pazo Torrado.

Ao principio a festa coincidía coa romaría da Pastora, pero nos anos 60  decidíuse trasladala ao primeiro domingo de agosto, porque a finais de mes adoitaba facer mal tempo. Os alcaldes colaboraban a título particular, porque o concurso era unha comida de amigos onde escritores e intelectuais enxalzaban as calidades do viño.

Na década dos 60, a festa deixou o ámbito privado e abriuse á participación do pobo, producíndose entón unha renovación con desfiles de carros, catas públicas na Calzada e pregón en Fefiñáns, ademais das verbenas, deportes e folclore en xeral.

 

 

A programación vaise ampliando e o deporte empeza a ter importancia na festa. Desde 1970 celébrase o Trofeo Ciclista do Albariño, outras disciplinas como o fútbol, o piragüismo, o baloncesto ou a tradicional chave iríanse incorporando en sucesivas edicións xunto co concurso de catadores, o festival folclórico internacional e máis tarde outras actividades como as xornadas técnicas, o festival de baile galego e o torneo de xadrez.

 No ano 1977, declárase por vez primeira Festa de Interese Turístico, con motivo das súas vodas de Prata, declaración ratificada en setembro de 1990 cando se lle outorga o título de Festa de Interese Turístico Nacional, conforme ás esixencias da nova lei.

Na decada dos noventa nace tamén o Himno do Albariño, composto por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda da Deputación de Ourense. Os peñistas do Albariño enchen de colorido as rúas durante a semana grande, coas súas enxeñosas camisetas, que deixan o seu selo sarcástico con lemas sobre o viño e a festa.

En 1996 Cambados ingresa en Acevín (Asociación Española de Cidades do Viño) e Recevín (a súa equivalente europea). No mesmo ano, inaugúrase a Ruta do Viño, hoxe en día consolidada como unha das rutas máis visitadas por aqueles que se achegan á nosa vila.

A festa beneficia a Cambados dun xeito extraordinario, pois achéganse personalidades da administración, do mundo da cultura, artistas, intelectuais e xornalistas, que lle outorgan un gran prestixio e unha ampla difusión, que ademais se traduce en importantes melloras para a Vila do Albariño.

Artistas de gran relevancia musical actuaron na Festa do Abariño, como Milladoiro, Raúl, Juan Perro, Ariel Rot, Gabinete Caligari, Carlos Núñez, Hevia, Sergio Dalma, King África, La Oreja de Van Gogh, Rosa, Chenoa, Bisbal, El Canto del Loco, Maná, Juanes, Diego Torres, Chayanne, Alejandro Sanz, Kate Ryan , David de María, Dover, Julio Iglesias... pasaron por aquí nos últimos anos.

Segundo escribíu Plácido Castro "Non hai en todo o ano galego día tan sinalado, no terreo puramente humano, como o da Festa do Albariño en Cambados".