Ver todas as novas do día...

  • Foto da nova

    PRESENTACIÓN DO LIBRO POLÍTICA E ECONOMÍA DA UNIÓN EUROPEA EN CAMBADOS

    Presentarase no salón de actos de ExpoSalnés o libro Política e Economía da Unión Europea, escrito por Tino Cordal, Xulio Pardellas e Celso Cancela, e publicado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo

    Este venres 17 de febreiro, ás 20 horas, presentarase no salón de actos de ExpoSalnés o libro Política e Economía da Unión Europea, escrito por Tino Cordal, Xulio Pardellas e Celso Cancela, e publicado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Precisamente, os tres autores son profesores na Universidade de Vigo.

    Tino Cordal é doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, e profesor da Área de Ciencia Política e da Administración. Ten publicado varios libros e numerosos artigos sobre a Unión Europea.

    Xulio Pardellas é doutor en Economía e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada. Tamén leva publicado numerosos libros e artigos sobre o proceso de integración europea.

    Celso Cancela é profesor contratado doutor de Ciencia Política e da Administración. Ademais, é titular da Cátedra JeanMonnet “Understandingthe EU inthe 21st century”, concedida pola Comisión Europea. Conta tamén con numerosas publicacións sobre a Unión Europea.

    O libro que presentan este venres en ExpoSalnés ten como obxectivo ofrecer ao lector unha visión breve, pero con rigor, do funcionamento da Unión Europea dende unha perspectiva multidisciplinar, que implica o enfoque político e institucional, unido ao encadramento económico, coa finalidade de facilitar os elementos e claves básicas para comprender e interpretar as principais actuacións comunitarias. En consecuencia, o libro esta dividido en dúas partes que se corresponden cos obxectivos descritos. A primeira parte (“Política e Institucións Europeas”) analiza a historia do proceso de construción europea e as institucións comunitarias como instrumento fundamental de Europa, intentando ofrecer ao lector o esencial para comprender os procedementos de toma de decisións políticas.

    A segunda parte (“Economía Europea”) céntrase na definición e análise dos principios de intervención nos mercados, no desenvolvemento rexional, nas actuacións sobre aspectos sociais e de política exterior, e, finalmente, na construción da Unión Monetaria e no orzamento comunitario. En definitiva, trátase dun libro de estudo e consulta que lles permitirá aos seus lectores achegarse con facilidade á comprensión elemental do conxunto da dinámica europea, así como aos instrumentos económicos, políticos e xurídicos que permitiron e manteñen a garantía institucional do proceso de integración europea.

     

    LER MÁIS

  • CONXUNTO HISTÓRICO

    Cambados posúe un Conxunto Histórico que foi declarado Ben de Interese Cultural. É un dos mellor restaurados de Galicia. O patrimonio cambadés loce pazos e casas nobles, esculturas deseñadas por grandes artistas e pezas de arte popular, prazas e rúas empedradas, un pracer para quen ama a arte e a historia.

  • Albariño

    Cambados tamén é coñecida como a Capital do Albariño, pois o cultivo e a exportación do viño danlle renome a nivel mundial. Aquí creouse e impulsouse a Denominación de Orixe Rías Baixas, que controla e mellora a produción vinícola para a súa exportación aos principais mercados.

  • Gastronomía

    A calidade dos peixes e mariscos, así como dos froitos da horta, converten á gastronomía nun dos sectores básicos da economía cambadesa. A degustación de produtos típicos da ría de Arousa, regados cun aromático Albariño, é un dos sinais peculiares que distingue a este municipio.

  • Festas

    Durante todo o ano en Cambados desenvólvense programas de actividades festivas e culturais. Hai concertos de primeiro nivel, danza e teatro, festivais folclóricos, exposicións de arte, deportes, espectáculos ao aire libre... Os visitantes intégranse no ambiente con gran facilidade, grazas á acollida da xente.

  • Natureza

    Outro dos grandes praceres de Cambados consiste en percorrer a costa a través de paseos marítimos, ou sendeiros naturais dende onde se contemplan frondosas paisaxes e as míticas postas de sol. Resulta agradable achegarse á praia para observar ás mariscadoras recollendo moluscos.

  • Museos

    En Cambados pódense visitar catro museos: o Museo Etnográfico e do do Viño, o Muiño de Mareas de A Seca, a Casa Museo do Pescador e a Casa Museo do gran poeta Ramón Cabanillas.