A área xeográfica que transcorre pola beira do río Umia, forma parte da prolongación do complexo intermareal Umia-O Grove, que foi declarado Refuxio da Fauna en 1989, Zona de Especial Protección para as aves (CEE), Zona Húmida de Importancia Internacional (RAMSAR) e Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral en 1990.

Segundo as condicións de humidade, pódense atopar diferentes ecosistemas de especies vexetais -herbáceas, arbustivas e arbóreas- destacando os formados por carballos, salgueiros, amieiros e loureiros, ademais das comunidades de piñeiros e eucaliptos.

Nas marxes da desembocadura do río Umia, danse unhas condicións favorables para o desenvolvemento das distintas especies xuncáceas. Estas viven nunhas condicións especiais, xa que a auga da zona é mestura de augas doces, que baixan dende o nacemento do río, e de augas salgadas que se adentran dende o mar; o que se traduce nunha zona de alto aporte de materia orgánica. Este ecosistema é aproveitado polas diferentes especies de aves ao longo do ano.