O pasado 17 de decembro Cambados deu un paso adiante na xestión dos residuos adheríndose ao Programa de Compostaxe Doméstica, onde un técnico da empresa adxudicataria por SOGAMA explicou como montar o composteiro e impartiu unha charla formativa dando algúns consellos e resolvendo as dúbidas que xurdiron.

Entregáronse 25 composteiros dos cales, 7 foron para os colexios do municipio e 18 para vivendas unifamiliares con horta ou xardín.

A compostaxe permite tratar os residuos orgánicos para convertelos en abono ecolóxico sen necesidade de usar o contedor verde. O que se lle chamaba “cañeira” ou “esterqueira”, agora chámaselle composteiro porque é máis hixiénico. Si se seguen os consellos que deu o técnico na charla formativa non da cheiros, non hai moisquiñas nin roedores. O que si ten que haber son miñocas e vermes que son os encargados de transformar a materia orgánica en abono.

Os participantes terán varias visitas do Técnico de Medio Ambiente do Concello para ver como vai o proceso e resolver as posibles dúbidas.

Para o 2016 o Concello pretende seguir por esta liña e permitirá que máis veciños e veciñas se adscriban ao Programa de Compostaxe Doméstica debido aos beneficios económicos, ecolóxicos e sociais.