Esta mañá, achegáronse ao Colexio de San Tomé, a petición deste centro de ensino e do concello, técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (centro de investigación e diagnóstico forestal e agrario dependente da Deputación de Pontevedra) para realizar unha valoración da situación na que se encontran as árbores do patio. Tras o último temporal caeron múltiples ramas e un dos “chopos” partiu pola metade, segundo afirman os técnicos, debilitado polo ataque dun  fungo parasito. A parte dos consellos sobre que se deben realizar podas de mantemento, práctica que non foi habitual nos últimos tempos ou arrincar as raíces das árbores caídas noutros anos para que non sexan focos de infección por máis fungos, proximamente enviarán ao concello as conclusións do estudio realizado e os consellos a seguir.

Tamén foron técnicos deste mesmo centro os que tiveron en observación a palmeira da Praza do Concello que hoxe foi eliminada ante a imposibilidade de ser recuperada. Agárdase proximamente que o seu lugar sexa ocupado por outro exemplar da mesma especie.

Por último debe informarse de que esta semana chegou o permiso de Patrimonio que permitirá a poda dalgunhas das árbores do monte da Pastora. Coa súa próxima poda, agárdase recuperar  as espléndidas  vistas desde o miradoiro do citado monte.