No día de hoxe enviouse unha certificación  ao Ente Público Portos de Galicia, do acordo adoptado polo Pleno da Corporación de Cambados en contra do proxecto de construción das comportas no Saco de Fefiñáns. Aclárase que xa foron moitas as voces, tanto de grupos políticos, como de mariscadoras ou, mesmo, grupos ecoloxistas que puxeron en cuestión as consecuencias medioambientais negativas que dito proxecto podería ter para a principal riqueza económica do lugar, o marisco. Razón pola que se levan anos insistindo na  elaboración de estudios serios de impacto medioambiental que valorasen os pros e os contras deste proxecto e avaliasen a influencia da interrución do ciclo  natural das mareas no desenvolvemento das especies marisqueiras.

En dita comunicación maniféstanse as seguintes consideracións:

  • Que a opinión maioritaria do sector marisqueiro é contraria á construción dunha comporta no Saco de Fefiñáns.
  • Que non se fixo ningún estudio de impacto medioambiental, nin económico, sobre as consecuencias desta obra, e
  • Que a reanudación das obras sería un despilfarro económico.

Polo que desde o concello se solicita que se suspenda definitivamente a execución das obras de construción da comporta para a regulación de mareas do Saco de Fefiñáns e, ao mesmo tempo, que se axilicen as obras de saneamento que se están a levar a cabo na zona, co fin de que o antes posible o marisco alí estraído estea nas condicións máis óptimas para o consumo.

Así mesmo, a Concellería de Medio Ambiente de Concello de Cambados, solicita unha proxima reunión con Portos de Galicia para tratar cuestións relacionadas con este proxecto.